Sunday 19 de May de 2024

A Xunta promove o turismo de negocios na feira EIBTM de Barcelona


Turismo de Galicia contará cun mostrador dentro do recinto de Turespaña

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, participa na feira especializada en turismo de congresos EIBTM que se celebra entre os días 18 e 20 de novembro na cidade de Barcelona.

Deste xeito, Turismo de Galicia dedícalle tres xornadas a promover a Comunidade galega como destino no principal certame nacional da industria do turismo de negocios, centradas nunha contorna estritamente profesional.

Un ano máis, Turismo de Galicia participará na EIBTM cun mostrador dentro do stand que presenta a entidade de promoción turística de España, Turespaña.

Coexpositores
Ademais da presenza de Turismo de Galicia, o recinto da Comunidade galega terá como coexpositores as entidades e empresas Santiago de Compostela Convention Bureau, Turismo da Coruña, Palexco, OPC Galicia, Abramar DMC, DMC Galicia e O Pazo de Congresos de Santiago, que xunto á oferta global do turismo de negocios promoverán as súas de xeito individual.

O turismo de reunións en Galicia ten experimentado un notable desenvolvemento durante os últimos anos, debido, en parte, ao incremento e mellora das infraestruturas precisas para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo.

O incremento das prazas hoteleiras, a creación de pazos de congresos, a apertura de instalacións especiais para celebrar eventos e a aparición de empresas especializadas, son os factores máis salientables dentro do desenvolvemento desta modalidade turística en Galicia.

Galicia conta con tres pazos de congresos nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e outras instalacións susceptibles de acoller eventos no resto das cidades galegas.

Ademais, a Comunidade galega conta con outros contornos que posibilitan a organización de todo tipo de reunións.

Nestes lugares pódense atopar aqueles atributos que teñen posibilitado o desenvolvemento turístico galego, como son a gastronomía, a paisaxe e o patrimonio artístico. Estes atractivos, unidos ás infraestruturas hoteleiras e de servizos, converten Galicia nun destino ideal para a organización de reunións e eventos.